Déficit de atención e hiperactividade

O Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) é un trastorno que se inicia na infancia e caracterízase por dificultades para manter a atención, hiperactividade ou exceso de movemento e impulsividade ou dificultades no control dos impulsos.

Na web de http://www.hiperactividadinfantil.com/ teñen publicado un vídeo onde se narra a historia de Shota, un neno xaponés que padece TDAH. Para concienciarnos e sensibilizarnos con esta problemática recurrimos ao tópico de que unha imaxe vale máis que mil palabras (ás veces as imaxes son como bombas que entran polos ollos e van dereitas ao corazón, sen que os gardas da razón teñan tempo de desactivalas)

De acordo co DSM-IV, da Asociación Americana de Psiquiatría, estabécense 3 subtipos de TDAH, segundo a presentación do síntoma predominante:

  • Tipo con predominio do déficit de atención.
  • Tipo con predominio da impulsividade-hiperactividade.
  • Tipo combinado, onde predominan tanto síntomas de desatención como de impulsividade-hiperactividade.

(Ampliar máis información na web da Fundación ADANA)

Tamén un breve resumo en ANHSDA, Asociación de nenos con déficit de atención con ou sen hiperactividade.

Máis información na web da fundación CADAH (Cantabria), con artigos breves e sinxelos.

Na Web de JANSSEN-CILAG temos un completo manual para pais, e tamén unha excelente GUIA PARA EDUCADORES (arquivo PDF con 74 páxinas e 2,5 Mb), onde se diferencian por unha parte o Trastorno por Déficit de Atención e por outra o Trastorno de Hiperactividade, e ofrécense pautas de atención diferenciada para as dúas situacións.

De especial interese son os apartados seguintes:

8 O neno con dificultades na aprendizaxe: estratexias para axudalo, p. 14-23
9 Pautas xerais para a intervención na escola, p. 24-26
10 O comportamento do neno con TDAH, p. 27
11 Cómo mellorar o comportamento do neno con TDAH, p. 28-33
12 Algunhas orientacións diante de situacións concretas, p. 34-37
13 A autoestima, p. 38-42

Anexos, p.52

A Consellería de Educación da Xunta de Galicia publicou un caderno da súa colección Orientacións e Respostas Educativas, co título Alumnado con problemas de conduta, onde inclúe o TDAH nesta categoría, pois aínda que non necesariamente, con frecuencia a hiperactividade leva asociados problemas de conduta pois ao neno/a élle difícil controlar os seus impulsos.

Algunhas das pautas básicas que se recomendan poñer en práctica no ámbito familiar poden ser as seguintes:

Os pais e nais como modelo de conduta reflexiva:
Unha gran parte da conduta humana (desexable e indesexable) apréndese a través da observación. Os rapaces tenden a imitar os seus pais e outras persoas que lles resulten modelos atractivos. Así, non debemos “activar” as condutas problemáticas con tons de voz elevados ou agresivos, nin dar demasiadas ordes ao mesmo tempo, nin repetirnos de maneira excesiva. Debemos manifestarnos reflexivamente e non responder de xeito mecánico ás condutas provocadoras.

Normas de convivencia familiar. Poñer normas e límites é o pri­meiro paso para desenvolver unha disciplina positiva. Podemos uti­lizar o seguinte proceso:

  • Establecer regras e límites claros e aterse a eles. Se é necesario, podemos escribilos e poñelos nunha cortiza do cuarto (hora de levantarse e deitarse, horario de estudo e de TV, axudas nas tarefas domésticas, saídas, hora de volver á casa, control de gastos e consumismo, preparar a mochila para o día seguinte).
  • Previr os problemas antes de que se produzan. Darlle ao fillo ou filla sinais cando empeza a portarse mal. É a mellor maneira de ensinarlle a autocontrolarse.
  • Evitar a confrontación sobre as regras: unha vez consensuadas hai que respectalas. Cando non se respecta a norma ou o límite establecido, aplicar de inmediato a consecuencia axeitada. Ser coherente e facer exactamente o que se dixo.
  • Definir o comportamento positivo, reforzando con eloxios e afecto a boa conduta e ignorando a conduta que só busca chamar a atención.
  • Evitar as comparacións entre irmáns para non favorecer os celos. Procurar que pasen menos tempo xuntos, pero máis agradable, facendo cousas de xeito cooperativo e non competitivo.
  • Crear un ambiente de traballo e hábitos de estudo, establecendo horarios e lugares que faciliten a aprendizaxe.
  • Establecer contratos de conduta sinalando os aspectos que cómpre mellorar e as  consecuencias positivas ou negativas segundo a evolución observada.

Máis pautas de actuación na web TDAH.net

Un resumo de pautas no ámbito familiar nun documento dunha soa páxina.

Como utilizar auto-rexistros, elaborado por Jesús Jarque García, na colección Folletos de Ayuda a Padres y Madres. Para nenos/as a partir de 7 anos e orientados a mellorar condutas.

Na web da Clínica Dr. Herrero atopamos unha entrada con enlaces a documentos de interese, na liña dos sinalados máis arriba, como por exemplo o test Vaderbilt para profesores e familias.

ASOCIACIÓNS EN GALICIA

ANHIDA, Asociación de nenos con hiperactividade e/ou déficit de atención, en Vigo

AGHIDA, Asociación galega de hiperactividade e déficit de atención, en Vigo.

Comentarios desactivados en Déficit de atención e hiperactividade

XoseNovembro 21st 2009Xose on in TDAH

Os comentarios están pechados.