Resumo das Xornadas TDAH no Morrazo (24-25 de xaneiro 2014)

Estes días celebrouse en Cangas as “Xornadas de TDAH no Morrazo: actuacións de coordinación institucional e intervención educativa”. O obxectivo das Xornadas era dar a coñecer o plan de actuacións de coordinación entre os distintos servizos sociais, médicos e educativos para diagnosticar, facer o seguimento e intervir diante do alumnado con TDAH. Un segundo obxectivo era amosar recomendacións para a intervención docente diante de alumnado con este tipo de transtorno.

Participou na primeira conferencia o doutor da USC Ángel Carracedo, experto en xenómica, que explicou algúns dos avances da xenética no diagnóstico e tratamento de enfermidades hereditarias, e algunhas das particularidades do xenoma das persoas diagnosticadas con TDAH. Na segunda conferencia, a doutora Carolina Castellano, do centro CADE de Madrid, centrou o seu discurso arredor do feito de que a persoa con TDAH ten un funcionamento alterado da ” intelixencia executiva”, que perde a capacidade de priorizar ou inhibir e actúa dun xeito impulsivo sen valorar suficientemente as consecuencias. O papel do docente será exercer como “intelixencia executiva externa”, guiando ao alumno na toma de decisións, exercendo de modelo que razona, anticipa e prevé consecuencias.

Celsa Otero Míguez e Xosé M. Vidal Bouzó expuxeron a incidencia estatística do TDAH nos concellos do Morrazo: Cangas, Bueu, Moaña e Vilaboa. A modo de resumo, entre o 4% e o 5% do alumnado de Primaria e ESO (6 a 16 anos) está diagnosticado con TDAH nalgún dos seus subtipos (TDAH combinado, TDA ou TH), sendo algo maior a incidencia entre os 8 e os 14 anos aproximadamente. Tamén chama a atención a dispersión dos datos, con variacións de diagnóstico do 1% ao 9% entre os distintos centros educativos.

No segundo día das Xornadas celebráronse uns talleres para o profesorado de Infantil, Primaria e Secundaria, impartidos por profesorado con experiencia e colaboradores da asociación ANHIDA de A Coruña.

Como síntese do tratado nestas Xornadas, e de cara á intervención diante deste tipo de alumnado, proponse, na liña da teoría publicada, unha intervención multimodal que inclúa a intervención ao menos nos seguintes niveis:

1) Familiar: Os pais/nais e o entorno familiar próximo deberán recibir as axudas necesarias: información, axudas terapéuticas, participación en escolas de familia,… Os pais exercen como modelos de conduta dos seus fillos/as, e este feito esquecémolo a miúdo, co cal os nenos/as non acaban facendo máis que reproducir as condutas dos pais/nais.  Este círculo vicioso é preciso cortalo, e só os pais/nais teñen a capacidade de facelo.

2) Escolar:

  • A actitude, a mirada, a sensibilización do profesorado, e en particular do profesorado titor,  diante do alumno/a de TDAH como alumno/a afectado dun transtorno, que non é capaz de autorregularse só e precisa por tanto dunha axuda, unha guía externa. A súa intelixencia executiva non responde, é preciso ofrecerlle un modelo continuo, e que a voz do profesor/a exerza de intelixencia executiva do alumno, para que esta poida aprender e ir asumindo o seu papel.
  • A consecuencia máis importante desta nova mirada, é reforzar e apoiar ao alumno ao menor logro, buscando a mellora da súa autoestima como condición básica para obter a motivación e a súa implicación no traballo escolar. A axenda é un bo recurso para aprender a ordenar e organizar o tempo. Mentres este proceso se afianza, o alumno/a debe estar situado próximo á mesa do profesor/a, cos menos distractores posibles; é preciso que o profesor/a atope a mirada do alumno/a cando lle fala e lle transmita instrucións, e estas deben ser breves e claras. As tarefas deben ser asimesmo moi dosificadas. Deben figurar as normas da aula nun lugar ben visible, e recordalas a miúdo. Louvar en público e recriminar en privado. Buscar a complicidade co alumno/a.
  • De ser preciso, debe traballarse un programa individualizado co alumno/a, de corte cognitivo-condutual. Traballaranse aspectos como: 1) a aprendizaxe de autoinstrucións e reforzo da atención, 2) exercitar estratexias cognitivas (xogos de razoamento lóxico…), 3) o control dos impulsos e as emocións, autoestima (o protagonista da semana, a técnica da tartaruga, relaxación, resolución de conflitos).

3) Médico: Pode recomendar tratamento farmacolóxico como apoio.

Ver máis información nunha entrada anterior

Outros materiais de ampliación:

Vídeo: O funcionamento do cerebro das persoas con TDAH (5 minutos)

 

Vídeo: ” A hiperactividade e as claves para superala”, na TVE2, editado pola UNED, ano 2003, participa Isabel Orjales (20 mimutos de duración)

 

Outra documentación para reflexionar:

Vídeo de Ken Robinson, “Cambiando paradigmas” (11 minutos)

 

Comentarios desactivados en Resumo das Xornadas TDAH no Morrazo (24-25 de xaneiro 2014)

XoseXaneiro 28th 2014Xose on in TDAH

Os comentarios están pechados.