Archive for the 'Orientación a pais e nais' Category

Coidado coas etiquetas aos nenos/as

Hoxe copio no blog un excelente artigo prestado por unha amiga, a autora do blog Dálle un coliño que ten moita relación co tema que estamos tratando sobre o comportamento infantil, e que vos invito a ler.

Os adultos, sexamos pais ou non, temos o feísimo costume de etiquetar ás persoas, ás veces incluso collémoslle manía a alguén pola “etiqueta” que alguén lle puxo e nos transmitiu ou pola que nós mesmos lle poñemos e o curioso é que a maioría das veces non teñen nada que ver coa realidade.
Cando estas etiquetas llas pomos aos nenos, a forza de repetirllas facemos que as interiorice e as faga proprias polo que hai que evitalas, porque danan aquelo que máis queremos.

Invítovos a ler un pouco sobre o tema:

——————————-
Dille que lle queres
Laura Gutman (Este e outros artigos en www.lauragutman.com.ar)

Pechemos os ollos e recordemos o máis fermoso que nos dixeron os nosos pais: Princesa… rei da casa… vidiña… es un encanto… cariño… meu corazón… meu amor… meu ceo… que guapo… que listo…
Estamos sorrindo?

Talvez algúns de nós non logremos traer estes recordos, e no seu lugar aparezan sen permiso outros: que parvo es… pois só sabes mentir… que se segues así direillo ó teu pai… es malo… non te quero… seica non entendes… es xordo?… distraída como a súa nai…
Estamos compunxidos?

O que os nosos pais -ou quen se ocupou de criarnos- dixeran, constituíuse necesariamente no máis sólido da nosa identidade. Porque somos os adultos quen nomeamos como son as cousas. Por iso o que dicimos, é.

O neno pequeno non pon en dúbida o que escoita dos maiores. Pode ser doloroso ou gratificante, pero en todos os casos, a interpretación dos adultos é absolutamente certeira para o neno que aprende a traducir ó mundo a través do cristal dos maiores.

Neste sentido, a intención coa que falamos cos nenos é importante. Se os amamos de verdade, seguramente as nosas palabras estarán cargadas de sentimentos cariñosos e suaves. Pero se estamos cheos de resentimento, destilaremos xenreira aínda cando os nenos non teñan nada que ver.

É verdade que hai situacións onde o neno equivócase ou fai algo inadecuado. Pois ben. Unha cousa é conversar sobre iso que “fixo” mal, e outra cousa é que ese acto convértao en alguén que “é” malo. Só o noso rancor pode confundir entre unha cousa e outra. Se o neno, de tanto escoitar ós seus pais dicindo o mesmo, convéncese de que é malo, ficará atrapado por ese circuíto onde “é” na medida que é malo, e para ser malo, ten que seguir facendo todo o que faga enfadar ós seus pais. Nese punto, perdeu toda esperanza de ser amado sen condicións.

Para o neno “eternamente malo a ollos dos seus pais”, sempre aparecerá outro individuo que actuará o personaxe oposto: “o eternamente bo”. Ás veces é alguén tan próximo como o proprio irmán ou irmá, ou outra persoa moi próxima á familia. Alí, nese personaxe, -non importa que é o que faga- recaerá toda a admiración e será nomeado polos pais como alguén “bo, intelixente e listo”. Esta é a proba fidedigna de que non se trata do que cada un é ou fai, senón da necesidade dos adultos de proxectar polarizadamente, os nosos lados aceptados e os nosos lados vergonzosos noutros individuos, para non facernos cargo de quen somos. E tamén para dividir a vida nun costado ben negro e noutro ben branco, de modo de ter certa sensación de claridade. Que por suposto non é tal.

Parece que os adultos necesitamos amosar todo o que os nenos fan mal, cuan ineptos ou torpes son, para sentirnos un pouquiño máis intelixentes. É unha paradoxa, porque ó actuar desta forma, é obvio que somos incriblemente estúpidos.

Con todo as cousas son máis sinxelas do que parecen. Dicirlles aos nenos que son fermosos, amados, benvidos, adorados, xenerosos, nobres, belos, que son a luz dos nosos ollos e a alegría do noso corazón; xera fillos aínda máis agradables, sans, felices e ben dispostos. E non hai nada máis pracenteiro que convivir con nenos alegres, seguros e cheos de amor. Non hai ningún motivo para non prodigarlles palabras repletas de cores e sonos, salvo que esteamos inundados de rabia e rancor. É posible que as palabras bonitas non aparezan no noso vocabulario, porque xamais as recibimos na nosa infancia. Nese caso, tócanos aprendelas con tenacidade e vontade. Se facemos ese traballo agora, os nosos fillos -ao converterse en pais- non terán que aprender esta lección. Porque xurdirán das súas entrañas con total naturalidade, as palabras máis belas e as frases máis gratificantes cara aos seus fillos. E esas cadeas de palabras amorosas perpetuaranse por xeracións e xeracións, sen que os nosos netos e bisnetos reparen nelas, porque farán parte do seu xenuíno xeito de ser.

Parece que a nosa xeración é bisagra na evolución da sociedade occidental. Ás mulleres tócanos aprender a traballar e lidar co diñeiro. A ser autónomas. Tócanos aprender sobre a nosa sexualidade. A reaprender a ser nais con parámetros diferentes dos das nosas nais e avoas. E tócanos aprender a amar. Por iso é posible que sintamos que é un enorme desafío e ademais é moito traballo, isto de criar aos nenos dun modo diferente a como fomos criadas. É verdade. É moito traballo. Pero llo estamos aforrando á nosa descendencia. Pensemos que é un investimento a futuro con risco cero. De agora en diante… só palabras de amor para os nosos fillos! Gritemos ao vento que os amamos ata o ceo. E máis alto aínda. E máis e máis.

Comentarios desactivados en Coidado coas etiquetas aos nenos/as

XoseDecembro 17th 2009Orientación a pais e naisXose on in

A agresividade infantil

Na web de Guía Infantil atopamos este vídeo ilustrativo de introdución a este tema:

E aquí recollemos unha serie de artigos que achegan ideas para resolver este problema:

Comentarios desactivados en A agresividade infantil

XoseDecembro 14th 2009Convivencia, Orientación a pais e naisXose on in

Como corrixir o mal comportamento infantil

Antes de máis nada merece a pena que nos paremos un minuto para ver un vídeo que invita a pensar, e que leva por título: A clave da educación dos nosos fillos

Poderíase comentar con carácter xeral que os nenos/as imitan os comportamentos dos seus pais e que en moi grande medida eles acaban sendo unha copia (imperfecta) de nós mesmos.

De seguido podemos ver outro vídeo na mesma liña, de 6 minutos de duración, dunha película italiana dos anos 60, titulada L’ educazione sentimentale, que resulta moi expresivo e simpático e que ademais tamén invita a reflexionar:

Hoxe na escola de pais e nais comentamos os modos de mellorar as condutas negativas dos nosos fillos e fillas. Para iso vimos que podiamos contar cos premios e os castigos. Como punto de partida recomendamos fixarnos o máis posible nos aspectos positivos e nas cousas boas dos nosos fillos/as e felicitalos diariamente por eses logros.

Ademais, debemos ter moito cuidado e ser conscientes de non poñer etiquetas aos nosos fillos e fillas (eres un desastre, eres tonto, eres vago…), e centrarnos só nas condutas e nos comportamentos. Lembrar que el ou ela son sempre persoas, pero que ás veces fan cousas mal, e esas cousas son as que teñen que mellorar.

Os nenos e nenas sempre buscan a nosa atención, (o noso cariño, o noso afecto… pero incluso os nosos berros ou malas palabras antes de sentirse sós) e utilizan todas as mañas posibles para conseguila. Se sendo bos e portándose ben non conseguen  a nosa atención utilizarán os berros, os choros ou calquera outra forma de chantaxe emocional, e se nós os atendemos baixo esas circunstancias estaremos propiciando que utilicen esas malas condutas en toda hora e a todo momento. Podemos ver un exemplo simpático no seguinte vídeo localizado en Youtube:

As mellores estratexias que podemos utilizar para que aumenten as boas condutas son:

  • Reforzar as condutas positivas, especialmente con afecto e atención, pois esas son para todo ser humano as recompensas máis prezadas.
  • Modelar as condutas: nós temos que ser o exemplo e o modelo que o neno/a poida imitar.

E as estratexias para intentar eliminar malas condutas son:

  • Ignorar as condutas negativas, cando non sexan destrutivas, non facerlle caso para ver se así non se repiten, pois non obteñen o noso reforzo nin a nosa atención.
  • Tempo fóra dunha actividade, retiralo da actividade, e poñer ao neno/a por exemplo na “cadeira de pensar” (recoméndase con carácter xeral un minuto de tempo por cada ano do neno/a).
  • Para remodelar unha conduta podemos utilizar técnicas como a economía de fichas (con sistemas de puntos para premiar condutas que despois se cambian por premios) ou os contratos.

Na web de Guia infantil temos un vídeo explicativo das medidas que podemos levar a cabo diante do mal comportamento infantil. Con carácter xeral os castigos son un recurso que se debe utilizar o menos posible, e en ningún caso o castigo físico. (O vídeo dura 10 minutos).

De seguido recollemos unha selección de artigos da mesma web GuíaInfantil.com, relacionados con este tema:

. La terquedad infantil. Niño testarudo.

. Como aplicar límites a los niños.

. Cómo aplicar los castigos a los niños.

A modo de reflexión e para saber se nós como pais e nais estamos facendo as cousas ben, debemos facernos preguntas tal como:

  1. Lémbrome de loubar, valorar, reforzar as cousas que ao longo do día fan ben os meus fillos/as?
  2. Coñezo, pregunto, a cada fillo/a, que cousas prefire, que lle gusta, que lle fai ilusión?
  3. Fago promesas de recompensa “a longo prazo”?
  4. Doulle algunha vez a recompensa antes de cumprirse o acordado?
  5. Se pese a reprendelo por facer algo mal segue faćendoo, qué está a sacar de positivo?
  6. Deixo ben claro e avisado con tempo que é o que será reprendido ou castigado?
  7. Emprego expresións como: “non tes arranxo”, “xa estou de ti…”, “desaparece!”…?
  8. Cumpro os castigos que impoño ou pola contra déixome amolecer?
  9. Emprego o castigo a miúdo ou só como derradeiro recurso?
  10. Repito as ordes e berro cen veces ao día?

Para terminar cunha mensaxe de esperanza, outro vídeo de mooooito interese!, que recolle os consellos dun neno/a aos seus pais 🙂

Comentarios desactivados en Como corrixir o mal comportamento infantil

XoseDecembro 3rd 2009Orientación a pais e naisXose on in

Normas e Límites

(Fonte da imaxe: Blog Mundo Diverso)

Hoxe, día 19 de novembro, tivemos a segunda sesión da Escola de Familia. Tratamos o tema das normas e os límites no ámbito familiar. Vimos que estes son tan necesarios como as normas de tráfico na circulación vial. Sen normas non pode existir orde nin organización; os nenos/as perden os puntos de referencia que lles dan seguridade no quefacer cotiá e bótanse a perder, acabando en moitos casos con actitudes pasivas e apáticas, cando non agresivas ou tiranas.

Vimos tamén a importancia dunha boa comunicación na familia, para establecer normas e límites compartidos. Comunicarse implica unha escoita atenta e activa e o diálogo.

Algo moi ligado ao establecemento de normas e límites son os estilos parentais (modos de educar dos pais e nais), e vimos que hai 4 tipos, que son:

  • Autoritario: faise o que din os pais, sen diálogo.
  • Sobreprotector: pais demasiado protectores, non favorecen a necesaria autonomía e responsabilidade persoal.
  • Permisivo: os pais deixan facer, e non poñen límites nin normas claros.
  • Cooperador, colaborativo: é o ideal ao que debemos aspirar. Reúne diálogo, autoridade, saber escoitar…

Na web de atopamos un amplo reportaxe sobre este tema. Para comezar podemos ver este  Cómo aplicar límites aos nenos/as, pero na mesma páxina podedes atopar outros máis sobre o mesmo tema.

Máis información en:

1. A importancia de poñer normas na casa, artigo PDF de unha soa páxina,  de Dra. Ainhoa Manzano Fernández e Dr. Juan Luis Martín Ayala, moi claro e resumido.

2. Técnicas básicas para manter os límites e as normas, PDF de 3 páxinas, publicado polo Departamento de Orientación do IES Xunqueira

3. Normas e Límites, artigo PDF de 4 páxinas, elaborado polo CEIP Fuensanta.

4. Como reforzar normas nos vídeos de Supernanny, da TV Cuatro.

5. Normas e límites para os fillos, no blog Mundo Diverso.

6. Como controlar a conduta infantil, un moi bo resumo que se atopa na web Psicodiagnosis.es, que se complementa con este outro de Problemas de conduta infantil.

Comentarios desactivados en Normas e Límites

ruagalegoNovembro 20th 2009Orientación a pais e naisruagalego on in

O xogo e os xoguetes na infancia

Non todos os xoguetes son axeitados para os nosos fillos/as. Cada tipo de xoguete está recomendado para unha idade concreta. Na web Guía Infantil atopamos unha serie de artigos que nos aclaran moitas dúbidas sobre a importancia do xogo e o uso dos xoguetes na infancia.

Algúns destes artigos son:

Tamén atopamos máis artigos de natureza similar na web de Educacióninfantil.com

E outro máis na revista Educar Bien,

Comentarios desactivados en O xogo e os xoguetes na infancia

XoseNovembro 18th 2009Orientación a pais e naisXose on in

Escola de pais e nais, todo un éxito!!

Onte inauguramos o primeiro encontro de pais e nais na Escola de familia.

Queremos resaltar a alta participación, o cal nos produce unha grande satisfacción porque amosa o interese das familias pola educación dos seus fillos e fillas.

Uns pais e nais moi aplicados/as!!


Os cativos/as pasárono tan ben coa coidadora, que querían volver ó día seguinte, terán que esperar á vindeira xuntanza!!

Aínda estades a tempo de participar! Animádevos!!

Próxima xuntanza: o 19 de novembro ás 17:00 horas.

Comentarios desactivados en Escola de pais e nais, todo un éxito!!

XoseNovembro 7th 2009Orientación a pais e naisXose on in

O xoves día 5, ás 17:00 comeza a Escola de pais e nais


Este xoves, día 5 de novembro, de 17:00 a 18:30 horas, no CEIP A Rúa, dá comezo a ESCOLA DE PAIS E NAIS que imos levar adiante durante este curso e que está organizada polo departamento de prevención do Ilmo. Concello de Cangas. Contará coa colaboración do departamento de orientación do noso cole.

Esta actividade é gratuíta para todos e ademais haberá unha cuidadora que se fará cargo dos nenos.


ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!

Comentarios desactivados en O xoves día 5, ás 17:00 comeza a Escola de pais e nais

XoseNovembro 3rd 2009Orientación a pais e naisXose on in

Recursos para a atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo

http://www.pnte.cfnavarra.es/creena

Da comunidade de Navarra, Supercompleta, hai de todo.


http://www.educarm.es/udicom/indexb.htm

Unidades didácticas compensatorias, comunidade de Murcia


http://www.juntadeandalucia.es/averroes

Recursos educativos didácticos da Comunidade de Andalucía.



http://orientacionandujar.wordpress.com/

Gran cantidade de recursos de Orientación, Titorías, Audición e Linguaxe, Necesidades Educativas Especiais, Materiales de Apoio e Complementarios.


Nesta páxina recóllense os cadernos de orientación editados pola Xunta de Galicia. Moi recomendable para todo o profesorado, especialmente o referido ós problemas de conduta.

Comentarios desactivados en Recursos para a atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo

XoseOutubro 21st 2009Orientación a pais e naisXose on in